[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MÉRCORES, 30 DE SETEMBRO DE 2020
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Arquivo Deputación Provincial
Patrimonio Documental Provincial
Patrimonio Bibliográfico
Biblioteca
Hemeroteca
Cartoteca
Audiovisuais
Editorial

 

Transmisión da propiedade e administración do patrimonio nas áreas do Salnés

Pazo Torre Quintáns



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Patrimonio Documental e Bibliográfico

16 XUÑO 2020


Fondo de orixe privada, familiar, que abrangue desde 1505 ata 1974 e que ocupa un volume de vinte e catro unidades de instalación e mil oitenta e seis unidades documentais.

A documentación procede do pazo Torre Quintáns, situado na parroquia de Paradela, no actual concello de Meis.

Esta casa grande é de planta rectangular, de baixo e piso cara ao xardín e planta baixa pola parte posterior atendendo ao desnivel do terreo.

Na parte inferior da zona axardinada consérvase unha torre das dúas que existiron, a outra estaba localizada onde se sitúa unha balaustrada. Foi reutilizada para facer un edificio auxiliar nas súas proximidades. A torre remata en ameas e gárgolas. Nunha amea hai un escudo, e outros localízanse en cada fachada da casa.

Nos arredores da edificación hai varias escalinatas de pedra e plataformas. Ten dous hórreos, un cruceiro, e cumpre á perfección o dito popular “casa grande con capela, pombal e ciprés, pazo é”, posto que dispón destes tres elementos.

No seu recinto consérvanse diversas árbores senlleiras, diferentes variedades de camelias e especies arbóreas coma o magnífico exemplar de ciprés de California, que centra o patio do Ciprés.

As orixes deste pazo remóntanse ao século XVI e tense por fundador a Juan de Balboa e Mariño de Lobeira. Entre os brasóns das pedra de armas figuran os relativos a Mariño, Lobeira, Aldao, Andrade, Mendoza, Sotomayor, Sequeiros, Pardo de Figueroa, Bermúdez, Mosquera, Pimentel, Taboada e Varela.

Así pois, entre as persoas moradoras da casa atópanse María Concepción Armada y Losada, filla da marquesa de Figueroa e de Ramón Gutiérrez de la Peña e Quiroga, dono do pazo do Toural en Compostela; o farmacéutico Luis Seijas Boch, casado con Julia Quiroga López-Vázquez; ou Antonio Martínez Andrade, que en 1980 mercou a casa. A día de hoxe continúa en mans da mesma familia.

Este fondo, en bo estado de conservación, foi cedido en dúas ocasións ao Arquivo pola actual propietaria do pazo en outubro de 2014 e abril de 2015. Actualmente atópase en depósito no Arquivo da Deputación.

Semella interesante para o estudo da transmisión da propiedade, administración do patrimonio, vínculos e outros aspectos da vida económica e social, especialmente nas áreas do Salnés, Cambados, Meis, Ribadumia, Caldas de Reis, Portas, Vilanova de Arousa etc.

Gran relevancia ten a evolución dos foros, pois abarcan unha grande amplitude cronolóxica, chegando nos derradeiros anos do século XIX a moitos preitos entre persoas propietarias e foreiras, a raíz do inicio da liquidación destes polas leis promulgadas durante a primeira metade do século XX.

Inclúe un pergameo de 1517 e tres árbores xenealóxicas.

O cadro de clasificación está estruturado en cinco seccións: oficina da casa, documentos de carácter patrimonial, documentos de carácter señorial, documentos de carácter xurídico e outra documentación.

Máis información sobre este fondo na páxina web arquivos.depo.es



BUSCAR NAS NOVAS
SETEMBRO 2020
LMMXVSD
123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
282930
 HOXE 

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 16/06/2020 13:10
Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/