A documentación
Rematadas as sucesivas actuacións de organización e descrición dos fondos documentais conservados no arquivo municipal inventariouse un total de 4.631 unidades de instalación, con testemuños documentais que presentan unhas datas extremas do período interanual de 1503 ata a actualidade.
No inicio do proceso de organización esta presentaba un bo estado de conservación, apilada no baixo cuberta da casa do concello, conservándose bastantes testemuños do funcionamento do concello nos séculos XIX e XX, con puntuais mostras documentais anteriores.
Destaca a conservación das actas dos plenos municipais dende 1837 coa súa riqueza informativa; a correspondencia, tamén moi abundante dende 1837; a documentación sobre o patrimonio municipal dende 1830; as series de sanidade ou educación, dende 1841 e 1848 respectivamente.
Da colaboración con outras administracións consérvanse os padróns municipais dende 1839; as quintas e recrutamentos dende 1837 e as eleccións e censos dende 1838.
Polo que respecta á contabilidade municipal e a súa xestión os testemuños documentais alcanzan tamén os inicios no ano 1838, mentres que os impostos de rústica, urbana e outros se conservan dende 1841.
Este conxunto documental, hoxe correctamente disposto para o seu uso e manexo, dispón dunha completa gama de instrumentos de descrición que permiten a súa valoración e recuperación. O cadro de clasificación deste arquivo e o seu inventario somero complétanse cunha exhaustiva descrición, a nivel de expediente en moitas series, a disposición de calquera interesado tanto no propio Concello coma no Arquivo da Deputación Provincial de Pontevedra, nunha base de datos formada por 57.785 rexistros diferentes.
|