DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

A documentación

Conta o arquivo municipal de Catoira cun total de 1.903 unidades de instalación que conteñen documentos, libros e expedientes dende o ano 1861 ata a actualidade, constatándose con iso notables perdas documentais e carencias notorias daqueles testemuños da actividade desta institución no século pasado e boa parte do actual en moitas das series documentais.

Este fondo documental dispón como xa dixemos dos pertinentes instrumentos de descrición para o seu manexo e control, elaborados nas sucesivas fases de actuación que sobre estes fondos acometeu o Servizo Técnico do Patrimonio Documental da Deputación de Pontevedra.

A documentación existente na actualidade presenta un bo estado de conservación pero destaca pola notable ausencia de moitos documentos, especialmente dos libros de actas do Pleno anteriores a 1878, das resolucións e decretos da alcaldía anteriores a 1965 ou da documentación referida ó persoal anterior a 1927.

Practicamente a metade dos fondos fan referencia á xestión económica e ó control presupostario así como á recadación de taxas ou arbitrios, con testemuños dende 1886 no caso dos presupostos e dende 1881 no referido á contribución territorial rústica. Outro volume notable representa o control urbanístico das obras particulares e a execución e planificación das obras que vai desenvolver o propio concello, ben directamente, ben mediante a colaboración doutros organismos e institucións.

A totalidade deste conxunto documental, hoxe correctamente disposto para o seu uso e manexo, dispón dunha completa gama de instrumentos de descrición que permiten a súa valoración e recuperación. O cadro de clasificación deste arquivo e o seu inventario sinxelo complétanse cunha exhaustiva descrición, a nivel de expediente en moitas series, a disposición de calquera interesado tanto no propio concello coma no arquivo da Deputación Provincial de Pontevedra, nunha base de datos formada por 18.995 rexistros diferentes.


Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/