DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

Introducción

O concello de Cuntis sitúase ó noroeste da provincia de Pontevedra, lindando cos concellos da Estrada, Campo Lameiro, Moraña, Caldas de Reis e Valga.

Ocupa unha superficie superior ós setenta e nove quilómetros cadrados cun total de setenta e oito entidades de poboación dispersas nas súas oito parroquias: Arcos, Cequeril, Couselo, Cuntis, Estacas, Piñeiro, Portela e Troáns, nas que residen algo máis de seis mil habitantes.

Esta área xeográfica formou parte da provincia de Santiago ata a división constitucional e a reforma posterior que derivou na súa inclusión definitiva na provincia de Pontevedra. As súas parroquias dependían da xurisdicción de Baños na que o señorío correspondía ó arcebispo de Santiago.

No proceso de establecemento constitucional dos concellos neste territorio integrado no partido xudicial de Caldas de Reis ,crearase no ano 1836, dentro da planificación definida para o antedito partido xudicial, o concello de Cuntis coas mesmas parroquias e disposición territorial que hoxe se mantén.

Deste funcionamento continuado do concello xorde un conxunto documental, conservado parcialmente, que foi obxecto de sucesivos tratamentos por parte do propio concello e nos últimos anos polo Servicio Técnico do Patrimonio Documental, derivando na actual situación na que se dispón dunha superficie suficiente e axeitadamente equipada para a súa conservación, tratamento e consulta.

O primeiro proceso organizativo levouse a cabo no ano 1988, acometéndose dende entón sucesivas actuacións de reincorporación, informatización e adaptación ó novo cadro de clasificación usado na actualidade para estes procesos, incluíndo a mellora do local.


Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/