Introducción
O territorio do concello de Baiona, situado na costa atlántica, ó oeste da
provincia de Pontevedra, linda cos concellos de Nigrán, Oia e Gondomar.
Ocupa unha superficie superior ós trinta e un quilómetros cadrados, con
corenta e seis entidades de poboación dispersas nas súas actuais cinco
parroquias: Baíña, Baiona, Baredo, Belesar e Santa Cristina da Ramallosa, nas que residen
máis de dez mil habitantes.
Esta área xeográfica formou parte da provincia de Tui ata a división
constitucional e a reforma posterior, que derivou na súa inclusión definitiva na
provincia de Pontevedra. A totalidade das parroquias dependían daquela da
xurisdicción real de Baiona.
Iniciado o proceso de constitución dos concellos no século dezanove,
dentro do Partido Xudicial de Vigo créanse os concellos de Bouzas, Lavadores,
Nigrán, Vigo, Gondomar e Baiona. Este último, formado por cinco parroquias,
non sufriu alteracións na súa configuración dende aquela.
Deste funcionamento continuado do concello ata a actualidade xorde un
conxunto documental, conservado parcialmente, que foi obxecto de sucesivos
tratamentos por parte do Servizo Técnico do Patrimonio Documental, tralos
que derivou na actual situación: un local debidamente equipado para a súa
conservación, tratamento e consulta.
A primeira actuación para a organización dos fondos documentais levouse a
cabo nos anos 1981-1982, data a partir da cal se acometeron novos procesos de
reincorporación, informatización e adaptación ó novo cadro de clasificación
usado na actualidade, incluída a mellora do local nos anos 1994, 2002 e 2005
|